A nosa Asociación
"Las ejecuciones y asesinatos cometidos en la zona rebelde
obedecían a decisiones fríamente tomadas por unos mandos
militares o por sus aliados civiles -carlistas, monárquicos,
tradicionalistas, católicos, fascistas - ...."
Santos Juliá
Entre 1937 e 1941 funcionou no Colexio dos Xesuitas da Pasaxe o Campo de Concentración de Camposancos. Uris Guisantes estima que por el pasaron arredor de 4000 persoas. En 30 xuízos sumarísimos dictáronse 233 penas de morte das que se executaron 159.
Extramuros, daquela, do cemiterio parroquial de Sestás están soterrados 49 fusilados. Coñécese como Fosa Común de Sestás.
No ano 2020 constituimos, co fin de preservar a memoria do que aconteceu naqueles anos, de xeito singular nos lugares antes citados, a "Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás".
Nacemos con raíces porque houbo persoas e colectivos que, en tempos máis difíciles cos actuais, levaron a cabo accións impagables. Xoán Noia Gil mercou a leira na que se atopa a Fosa Común e loitou contra o esquecemento. Manuel Domínguez "Taxota" tamén loitou contra o esquecemento e presidíu a Comisión Cidadá que, a mediados dos 80, acometeu as obras necesarias para dotar de dignidade á Fosa Común.
Agora, co Colexio dos Xesuitas en estado ruinoso e coa Fosa que precisa de melloras e mantemento, era o momento de que agromara algunha iniciativa. Por iso nacemos. E é de xustiza recoñecer o pulo inicial en todo isto das xubiladas e dos xubilados das CCOO de Vigo.
Pretendemos acadar varios obxectivos, algúns moi ambiciosos. Temos case ultimada unha Unidade Didáctica para dar a coñecer nos centros de ensino de secundaria o que aconteceu no Campo de Concentración de Camposancos. Queremos constituir un fondo de depósito documental para que poida ser consultado e estudiado por calquera persoa interesada. Desexamos colaborar na investigación, exhumación e divulgación sobre as vítimas da Guerra Civil e da represión franquista, en especial no noso Campo. E temos un soño: crear en Camposancos un Centro de Interpretación dos campos de concentración franquistas no que se investigue, divulgue e visualice o drama da Guerra Civil e a conseguinte opresión e ocultación durante a Ditadura.
En definitiva, queremos que as xeracións futuras saiban a verdade do que aconteceu naqueles anos de plomo. En épocas de negacionismo do máis evidente, preservar a verdade e os seus soportes semella ser imprescindible.