"Temos de recuperar, manter e transmitir a memória histórica, porque se começa pelo esqueço e se termina na indiferença" 

(José Saramago).

Acto de lembranza de Cleominio Muñiz Lorenzo

 Organizado pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestas, e presentado por Bárbara Domínguez González. Ó seu carón, sitúase o violinista Leo Blanco Novoa, titulado superior en violín e música de cámara polo Conservatorio Superior de Oviedo, na actualidade profesor no Conservatorio de Vigo que interpretou en primeiro lugar o Himno de Riego. 

Seguidamente tomou a palabra José A. Uris Guisantes que fixo unha breve semblanza dos sete primeiros republicanos falecidos no Campo de Concentración: Cleominio Muñiz Lorenzo de Avilés; Anastasio Hernández Martín de Salamanca, veciño de Matico (Bilbao); Maximino Díez Llorente de Don Juan (León), veciño de Xixón; Isidoro Prieto Polo de Mieres (Asturias); Ramón Llerandi Vallejo de Villamayor - Piloña (Oviedo); Camilo Álvarez Hernández de San Martín de Iruña (Oviedo) e Camilo Arango García de Los Cabos (Oviedo). 

Bárbara presenta e agradece en nome da Asociación o infinito recoñecemento ao autor do monumento, Daniel Pazó Piedra de Nigrán que explicou o porqué se interesou pola historia do rapaz estudante de 18 anos Cleominio Muñíz Lorenzo morto por disparos dun centinela, o 18 de novembro de 1937.  

De seguido, Leo Blanco interpretou ao violín "Siciliana" de María Theresa Von Paradís, dando a palabra ao presidente da asociación, José Manuel Domínguez Freitas:

 "A nosa Asociación leva algo máis de dous anos de andadura nos que, por fortuna, sacamos adiante uns cantos proxectos que nos fan estar ben satisfeitos. A Unidade Didáctica que levamos ós Centros de Ensino, o libro "A Porta do Inferno", a reposición das lápidas da Fosa Común de Sestas, son algunhas das maos destacadas. Para estas e outras cousas que virán no futuro, temos contado con inestimables axudas: da Fundación 10 de Marzo de CC.OO, da Fundación Muñiz Zapico de Asturias, da Asociación de Memoria MIlitar Democrática, da Federación de Pensionistas de CC.OO. de Vigo, do Concello da Guarda, dos Herdeiros de Juan Noya Gil e de Manuel Domínguez Pacheco "Taxota" e tantas outras persoas, Pero no acto de hoxe quixera destacar dous principais agradecementos. En primeiro lugar ás persoas que fixeron posible o monumento que imos inaugurar. Daniel Pazó, canteiro, escultor afeccionado que tivo a idea e lle deu forma de maneira desinteresada. A José Manuel Rodríguez Crespo que sempre estivo na loxística. Moitas grazas aos dous. En segundo lugar, a esas persoas que fixeron posible que dende 1937, nunca faltaran flores na tumba,. Esas persoas mantiveron durante 85 anos a memoria de Cleominio, sen elas, este acto, este recoñecemento público non sería posible. Inmensa gratitude a todas elas. Hai unhas poucas semanas apróbase a no va Lei de Memoria Democrática que xa tivo unha primeira consecuencia. Queipo de Llano, culpable da morte de 45.000 persoas, saía, con nocturnidade da Macarena. Os seus familiares tiveron que facelo a escuras, esquivando ós medios de comunicación. Pola contra, nós, aquí, a plena luz do día e con satisfacción, lembramos a Cleominio e seis compañeiros máis que deron a súa vida por ser fieis ós ideais da República. Os partidos políticos de dereitas e algunha parte da cidadanía deste país vennos acusando ós que loitamos pola verdade, pola xustiza, e pola reparación de que rompemos o espírito da Transición. É pregunto, preguntamos é que o espírito da Transición amparou ós xenocidas? É que hai que esquecer o que fixo Queipo e tantos outros? É que non se pode revisar o que pasou en miles de Consellos de Guerra que condenaron a morte a miles de persoas ? É que os familiares dos que aínda están en cunetas e fosas, non teñen dereito a darlles sepultura digna ós seus? É isto é revolver o pasado como argumentan algúns ?. Non será mais ben, que lles interesa tapar o que aconteceu naqueles anos ? Agora é máis fácil a loita porque hai leis que nos amparan. Durante moitos anos escuros e duros, a loita tivo que facerse dende o anonimato e con tódalas cautelas.Pero algúns e algunhas tiveron coraxe para facelo, para manter viva a memoria. Grazas por ese corazón tan grande. Sinto hoxe unha satisfacción especial que entre nós están familiares (Fefa, Cecilia e José Benito) do albanel camposino, Cándido Martínez Martinelli e de Josefa Vicente Martínez. Cándido foi artífice de preparar a tumba de Cleominio e colocar unha cruz abandonada, súa esposa de poñer flores ao igual que fixeron as camposinas, Eladia Loureiro Vega, Avelina Vázquez do Barrio do Palomar (casada anos mais tarde con un prisioneiro), Blanca Carrero Veiga (esposa de Agustín Moeira Portela) Todas elas, ata hoxe sen saír a luz pública foron (entre outras mais de Salcidos e A Guarda) as que axudaron a ducias de prisioneiros".

De seguido tomou a palabra Marcos Santos Soto da Asociación da Memoria Militar Democrática. Para rematar os familiares de Cándido e Josefa levantaran as bandeiras republicanas do monumento, quedando inaugurado baixo o son do violín de Leo Blanco Novoa que interpretou a Internacional acompañada das voces dos presentes. 

Cleominio na memoria dos camposinos


Presentación no Concello de Nigrán

 O pasado domingo, día 23 de outubro, tivo lugar en Nigrán a presentación da nosa Asociación e do libro A porta do inferno, dentro do mes de Memoria Histórica que organiza cada ano o Concello.

Interviron José Antonio Uris Guisantes, coautor do libro, e Elvira González Comesaña, secretaria da Asociación. Contouse ademáis coa asistencia do alcalde, Juan González Pérez e de varios socios, ente eles o presidente, José Manuel Domínguez Freitas e Alberto Torres, secretario do sindicato de pensionistas da Unión Comarcal de Vigo de CCOO. Ó remate, celebrouse un coloquio cos asistentes.  


Charla coloquio sobre o Campo de Concentración de Camposancos na Sala de Plenos do Concello de A Guarda

 O venres 20, as 18:30h celebrouse a charla coloquio titulada " a porta do inferno". Moderada pola Secretaria da ARMH do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás Elvira González, interviron o Presidente da asociación José M. Domínguez Freitas, a Secretaria da Comisión de Estudos Memoria e Cultura de CCOO de Cataluña Dolors Yuvé e o Presidente da Fundación Muñiz Zapico de Asturias Pepe García. Despois do coloquio actuou o Coro Cantos de Liberdade.  


Xa se substituíron as lápidas deterioradas do monumento da Fosa de Sestás

O 17 de outubro quedaron rematados os traballos de substitución das lápidas deterioradas do monumento na fosa do cemiterio de Sestás aos 49 fusilados alí soterrados. Tamén se engadiu o nome do número 49 dos executados, que porque por razóns descoñecidas non figuraba nas lápidas. Así que, debaixo da placa central consta o nome de José María Fernández Inclán nado o 5 de xullo de 1910 en Figares-Salas, veciño de Nava (Asturias), casado, mestre, fillo de Jesús e Emilia.Consello de Guerra en Camposancos. Pena de morte, executado o 2 de xullo de 1938.


Donativos para substitución de tres lápidas do monumento da Fosa Común de Sestás.

arriba fotografía do bono de 1985 e abaixo do actual
arriba fotografía do bono de 1985 e abaixo do actual

 O paso do tempo fixo que as tres lápidas centrais se atopen moi deterioradas, polo que imos substituilas por outras novas coas mesmas características.

No ano 1985, a Comisión Cidadá Pro-Fosa Común de Sestás fixo posible, coa inestimable colaboración económica de moitas persoas de ben, a construción do monumento de dita fosa. Agora para a substitución das lápidas, igualmente por medio duns "bonos" donativo, imos recoller os fondos necesarios para tal fin.

Se queres colaborar adquirindo estes "bonos" donativo de 10€, podes facelo directamente aos membros da Directiva da Asociación, ou ingresándoo na conta da Asociación: ES33 2080 5038 4730 4002 8399, e si nos facilitas o teu correo electrónico, te remitiremos a acreditación da tua achega.  


Presentación do Libro "A Porta do Inferno", no Centro Goianés

O 30 de setembro, José Antonio Uris Guisantes e Víctor Manuel Santidrián Arias fixeron a presentación do seu libro "A porta do inferno" no Centro Goainés (Goián). 


Reportaxe de A Nova Peneira: O campo de concentración de Camposancos memoria perenne do terror fascista en Galicia

enlace ao artígo no botón de abaixo


Asemblea anual da ARMH do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás

O pasado venres, 29 de xullo, celebramos a Asemblea anual de soci@s na Escola da Poza. Nela déronse conta das actividades levadas a cabo neste último ano e adiantáronse proxectos cara o ano próximo. Congratulámonos de participación dos asistentes e de ter incorporados tres novos membros á directiva. Estamos seguros de que con a colaboración de todos e todas está máis cercano o día que en Camposancos contemos cun Centro de Interpretación da Memoria Histórica.


Presentación do libro A Porta do Inferno

no MARCO de Vigo

 Ás 19h:30 horas do 18 de xuño, no MARCO de Vigo, tivo lugar a presentación do libro A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos.

Os autores, José Antonio Uris Guisantes e Víctor Manuel Santidrián Arias estiveron acompañados por Emilio Crespo Correa, presidente da Fundación 10 de marzo de CCOO e de José Manuel Domínguez Freitas, presidente da Asociación para a recuperación da memoria histórica de Camposancos e fosa común de Sestás, quen destacou o feito de que o último alcalde republicano de A Guarda, Brasilino Álvarez, foi encarcelado, xulgado e posteriormente executado, no edificio do MARCO, adicado entón a albergar os Xulgados de Vigo, onde se celebraron consellos de guerra sumarísimos.

Nas diferentes intervencións púxose de manifesto a oportunidade desta publicación e a necesidade de manter viva a memoria das persoas que sufriron e deron a súa vida por defender os ideais de xusticia e liberdade ou, simplemente, por manterse leais á República, réxime lexítimo que se proclamou en España en 1931.

O libro presenta unha introdución ó sistema concentracionario franquista, percorre os diferentes campos de concentración en Galicia e, finalmente, céntrase no campo de concentración de Camposancos, onde se fala das instalaciós, dos tribunais militares e dos miles de presos que por alí pasaron, dando conta das condiciós de vida e das sentencias a morte que se ditaron e executaron. Apórtase unha importante mostra de documentación real, procedente dos arquivos.

Ademais, ofrece uns interesantísimos anexos cos nomes dos prisioneiros, os condenados, os fusilados e os falecidos por enfermidade. Asimesmo, atopamos os nomes dos militares agregados ó campo e o resume dos diferentes Consellos de Guerra celebrados en Camposancos.

O interese que suscitou está presentación quedou de manifesto polo numeroso público asistente, entre quen vimos ó profesor Xesús Alonso Montero e outras persoas relacionadas con mundo da política e da cultura.

Fragmentos en vídeo das intervencións de, José Manuel Domínguez Freitas, Víctor Manuel Santidrián Arias e José Antonio Uris Guisantes.


Homenaxe en Celanova ós sete asturianos fusilados no 36 e que foron xulgados e condenados en Camposancos

Á ezquerda, Fernando Serrulla, médico forense; no centro, Fran Alonso, arqueólogo; á dereita, Hixinio Araúxo, secretario do Comité de Memoria Histórica da comarca de Celanova
Á ezquerda, Fernando Serrulla, médico forense; no centro, Fran Alonso, arqueólogo; á dereita, Hixinio Araúxo, secretario do Comité de Memoria Histórica da comarca de Celanova
Á ezquerda, o presidente da ARMH do campo de concentración de Camposancos e fosa común de Sestás, J.M. Domínguez Freitas; á dereita, J.A. Uris Guisantes, vicepresidente da Asociación e co-autor de A porta do inferno.
Á ezquerda, o presidente da ARMH do campo de concentración de Camposancos e fosa común de Sestás, J.M. Domínguez Freitas; á dereita, J.A. Uris Guisantes, vicepresidente da Asociación e co-autor de A porta do inferno.

 O sábado 4 de xuño tivo lugar en Celanova unha homenaxe ós sete asturianos fusilados no 36 e que foron xulgados e condenados en Camposancos. Os actos, ós que asistiron familiares de dous dos falecidos, rematou con dúas conferencias que se celebraron no salón de actos do Instituto Celso Emilio Ferreiro. Na primeira delas, José Antonio Uris presentóu o libro A porta do Inferno, do que é co-autor. O presidente da nosa asociación, José Manuel Domínguez Freitas, e o representante da "Fundación 10 de marzo", Emilio Correa Crespo, dirixeron un saúdo ós presentes. Na segunda conferencia, o doutor Fernando Serrulla, médico forense, e Fran Alonso, arqueólogo do equipo Histagra, falaron sobre o programa de exhumacións, os traballos que desenvolveu o equipo no último ano e os previstos para a presente campaña, entre os que se inclúe unha intervención en Celanova.


Presentación en A Guarda, 

do libro "A porta do inferno"  

 Ás 20 horas do 22 de abril, no salón de plenos do Concello de a Guarda, tivo lugar a presentación do libro A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos.

Os autores, José Antonio Uris Guisantes e Victor Manuel Santidrián Arias, estiveron acompañados por Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guardia, José Manuel Domínguez Freitas, presidente da "Asociación para a recuperación da memoria histórica de Camposancos" e Emilio Crespo Correa, da "Fundación 10 de marzo de CCOO".

Nas diferentes intervencións púxose de manifesto a oportunidade desta publicación, tendo en conta os tempos convulsos que estamos a vivir, onde as guerras non son cousa dos pasado, e a necesidade de manter viva a memoria das persoas que sufriron e deron a súa vida por defender os ideais de xustiza e liberdade, ou simplemente, por manterse leais á República, réxime lexítimo que se proclamou en España en 1931.

O libro presenta unha introdución ó sistema concentracionario franquista, percorre os diferentes campos de concentración en Galicia e, finalmente, se centra no campo de concentración de Camposancos, onde se fala das instalacións, dos tribunais militares e dos miles de presos que por alí pasaron, dando conta das condicións de vida e das sentencias a morte que se ditaron e executaron.

Ademais, ofrece uns interesantísimos anexos cos nomes dos prisioneiros, os condenados, os fusilados e os falecidos por enfermidade. Así mesmo, atopamos os nomes dos militares agregados ó campo e o resume dos diferentes Consellos de guerra celebrados en Camposancos.

O interese que suscitou esta presentación quedou de manifesto nas 150 persoas que encheron o salón de plenos do Concello.


A "Porta do Inferno" no diario Faro de Vigo 

 O diario "Faro de Vigo" adicoulle ao Campo de Concentración de Camposancos un artigo a dobre páxina no seu semanal "Estela" do 30 de xaneiro. Para realización do artigo, a periodista contou coa colaboración do compañeiro da nosa Asociación, José A. Uris Guisantes.

para leer o artigo en PDF preme no botón de abaixo


Presentación da Unidade Didáctica no Museu de Caminha

20/11/2021. Este pasado mércores, quarta-feira portuguesa, estivemos en Caminha presentando a Unidade Didáctica. O acto tivo lugar no Museu e a organización correu a cargo do profesor Torres Bento. Asistiron, fundamentalmente, ensinantes de secundaria. Este feito ten, entendemos, unha gran importancia porque supón contar cunha imprescindible correa de transmisión para chegar ó alumnado. Ó remate houbo un interesante coloquio, mostra do interese suscitado.


Presentación da Unidade Didáctica no Colexio PP Somascos da Guarda

02/11/2021 Continuando coa presentación da Unidade Didáctica, hoxe estivemos no colexio PP Somascos da Guarda. Queremos destacar o interese que mostrou o alumnado de cuarto da ESO co que estivemos. Ó remate da nosa exposición, alumnos e alumnas formularon moitas preguntas tanto sobre o contexto histórico como sobre o CCC e a Fosa Común. Agradecémoslle á dirección do centro e ó departamento de sociais o acollemento que nos dispensaron.


Presentación da Unidade Didáctica no Colexio das Carmelitas da Guarda

29/10/2021 Continuando coa presentación da nosa Unidade Didáctica, esta mañán estivemos no colexio das Carmelitas da Guarda. Queremos agradecer, en primeiro lugar, a disposición do centro para poder estar co alumnado de cuarto da ESO e poder falarlle do que aconteceu no Campo de Concentración e de cal é a historia da Fosa Común de Sestás. Tamén queremos resaltar a atención que alumnas e alumnos prestaron á exposición de Carlos Alonso Ucha, que se centrou no contexto histórico previo ó golpe de estado, e de Freitas que falou do acontecido no noso Campo de Concentración.


Homenaxe aos 49 defensores da legalidade da república executados e soterrados no cemiterio de Sestás  

 Como todos os anos convocado pola Unión Comarcal de CCOO de Vigo, o venres 20/10/22 celebrouse diante do monumento da Fosa Común do Cemiterio de Sestás, o homenaxe aos 49 defensores da legalidade da república executados, que están alí soterrados. Nesta ocasión tamén participaron dous grupos de CCOO de Asturias e de Cataluña. No homenaxe presentados polo Secretario Comarcal de Pensionistas de Vigo Alberto Torres, falaron o Presidente da ARMH de Camposancos e a Fosa Común de Sestás Jose M. Domínguez Freitas, Dolors Yuvé e Pepe García en representación dos compañeiros de Cataluña e Asturias, Paco Carrera da Unión Comarcal de CCOO de Vigo, e pechou o acto o alcalde de A Guarda Antonio Lomba. Ao final o Coro Cantos de Liberdade cantou "A Internacional".


Manifiesto de la AMMD en apoyo del proyecto de creación de un Centro de Interpretación del antiguo Campo de Concentración de Camposancos (A Guarda) 

La Asociación por la Memoria Militar Democrática (AMMD), asociación de reciente creación que aúna a Ciudadanos Militares y ex-Militares Españoles de ideas democráticas, por el presente escrito quiere manifestar públicamente su total apoyo, y el de todos sus miembros, a la "Asociación pra Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás" en su iniciativa para tratar de preservar el viejo edificio y finca del antiguo colegio de los Jesuitas en Camposancos y crear un Centro de Interpretación del campo de concentración. De esta forma, preservar...

para leer o manifesto preme no botón de abaixo


Presentación da Unidade Didáctica nos IES de Nigrán, "Val Miñor" e "Proval"

 Continuando coa presentación da Unidade Didáctica nos institutos, nesta ocasión estivemos nos IES de Nigrán.  Os días 1 e 5 de abril charla estivo dirixida ó alumnado de 2º de bacharelato do IES Val Miñor

 O día 20 de abril estivemos có alumnado de 1º de bacharelato do IES Proval


Ofrenda floral na Fosa de Sestás, sinatura de Acordos coa ARMH do Campo de Concentración de Camposancos, e Charla-Coloquio no Centro Cultural de A Guarda.

Onte, 14 de outubro, no cemiterio civil de A Guarda, tivo lugar a ofrenda floral que CCOO leva a cabo tódolos anos, dende hai vinte e cinco. Ó acto asistiron veciños de A Guarda e Vigo, afiliados de CCOO e membros da "ARMH do campo de concentración de Camposancos e fosa común de Sestás". Tomaron a palabra o Alcalde de A Guarda, Antonio Lomba e Benjamín Gutiérrez, representante da fundación "Juan Muñiz Zapico" que deu lectura ó comunicado. Contóuse tamén coa presencia de Montse Carrera, Secretaria Xeral da U.C. de Vigo e de Alberto Torres, Secretario do sindicato de pensionistas e xubilados de Vigo.  

Posteriormente, e xa no salón de actos do Centro Cultural de A Guarda procedéuse á firma dos convenios de colaboración entre a "ARMH de Camposancos" representada polo seu presidente José Manuel Domíguez Freitas e as seguintes organizacións:

-Fundación "10 de marzo" das CCOO de Galicia, representada por Emilio Crespo.

-Unión Comarcal de CCOO de Vigo, representada por Montse Carrera

-Sindicato de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Vigo, representado por Alberto Torres

-Fundación "Juan Muñiz Zapico", representada por Benjamín Gutierrez.

Este acto que ten un significado especial, xa que simboliza a colaboración das catro entidades no traballo para a recuperación da memoria democrática

 continuou cunha charla-debate presentada por Montse Carrera, na que interviron o Alcalde de A Guarda, que manifestou a súa satisfacción polo acto e o seu apoio ás tarefas que se están a levar adiante. A continuación tomou a palabra José Manuel Domínguez Freitas que puxo de relieve as actividades que a Asociación leva a cabo. Logo, José Antonio Uris, vicepresidente da Asociación e coñecedor como ninguén da historia do campo, centrou a súa disertación sobor o recoñecemento ás mulleres republicanas. Por último, Víctor Sanchidrián, da fundación "10 de marzo", informou do libro sobre os campos de concentración, centrado no de Camposancos, que está a facer en colaboración con Uris e que verá a luz nunha data próxima.

Despóis da intervención dalgúns asistentes, o acto rematou coa actuación da coral "Cantos de Liberdade" que interpretou Grandola, vila morena, e A Internacional.


Presentación no Instituto da Sangruiña da Unidade Didáctica

13/10/2021. Esta mañá, a ARMH do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás presentou no IES A Sangriña a unidade didáctica elaborada para alumnado de 4 de ESO. Presentou o acto o Director do IES Carlos Alonso Rey, e interviron Freitas, Javier Crespo e Uris Guisantes. 

O obxectivo da unidade é dotar dun material didáctico ao profesorado e alumnado na materia de Historia en 4º de ESO, que permítalles coñecer o que aconteceu no Campo de Concentración de Camposancos, a realidade da Fosa Común de Sestás e en xeral, a represión franquista que se levou a cabo aquí, durante a Guerra Civil e anos posteriores da dictadura. 


Homenaxe ós sete mozos asturianos que foron condenados en consello de guerra no Campo de Concentración de Camposancos e executados en Celanova o 22 de setembro de 1939.

25/09/2021. Convidados polo Comité de Memoria Histórica da comarca de Celanova, esta mañá asistimos unha representación da ARMH do Campo de Concentración de Camposancos, ó acto de homenaxe ós sete mozos asturianos que foron condenados en consello de guerra no Campo de Concentración de Camposancos e executados en Celanova o 22 de setembro de 1939. O acto tivo dúas partes.  

A primeira desenrolouse no Instituto de Secundaria, que ocupa unha parte do mosteiro de san Salvador, e que naqueles infaustos anos foi cárcere. Os discursos das autoridades, entre elas un representante do goberno asturiano, e da presidenta do Comité evocaron a inxustiza cometida cos sete mozos e con moitos milleiros máis e pediron reparación. Fermosos poemas e sentidas pezas musicais foron o acompañamento perfecto.  

A segunda parte do acto tivo lugar no cemiterio onde, en fosa común, repousan os seus restos. Alí fíxose a ofrenda floral, ó tempo que se recitaba un poema alusivo.  


Visita ao Colexio da Pasaxe do Delegado do Goberno en Galicia

 O 26/08/2021, visitaron o Colexio dos Xesuitas da Pasaxe, Campo de Concentración de Camposancos, o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a Subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba, acompañados polo Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e outros membros da Corporación. Asistiron en nome da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración e a Fosa Común de Sestás, Uris e Freitas. 

No transcurso da visita Uris fixo un percorrido pola historia do Campo de Concentración e Freitas entregoulle ó Delegado un escrito onde se recollen os fins da Asociación, con especial fincapé no obxectivo de radicar en Camposancos un Centro de Interpretación dos campos de concentración franquistas. Así mesmo, no escrito solicítaselle ó Delegado unha entrevista para explicarlle todo polo miúdo, que atenderá en canto lle sexa posible.  

Proxecto de Lei de Memoria Democrática